post

 

O xoves pasado, a empresa Navantia, mediante escrito asinado por Álvaro Tello, director de Relacións Laborais, ameazou con sancionar ó compañeiro Xaquín por difundir a través do correo electrónico “mensaxes alleas á actividade laboral”. 

O escrito identifica esas mensaxes: un correo das 23:16 horas do domingo 13 co asunto “Prexubilación”, outro das 22:19 horas do xoves 17 co asunto “¿Que está pasando aquí?” e un terceiro das 20:34 horas do martes 22 co asunto “Convenio”. A empresa, cinicamente, remata dicindo que de repetirse “se verá obrigada” a adoptar medidas disciplinarias.

Non é a primeira vez. Na primavera de 2014, mediante requirimento notarial, ameazouno con levalo ós tribunais se non se retractaba dunhas palabras ditas nunha asemblea xeral; non o fixo e a cousa quedou aí. En 2017, durante a folga indefinida da industria auxiliar, a empresa acusouno de desatender as súas obrigas laborais para “estar na porta quentando ás compañías”. Os compañeiros/as da CGT apoiamos totalmente aquela folga e Xaquín botou moitas horas na porta, en dúas ocasións durante a xornada laboral. Pero en ambas fíxoo cun pase a conta das 16 horas do IV Convenio que a empresa nos tivera que devolver. A empresa ía abrirlle un expediente sen comprobar os feitos dos que o acusaba.

Esta nova ameaza non é casualidade. Á tendencia xeral ó recorte dos dereitos democráticos, súmase que EN NAVANTIA SE QUERE IMPLANTAR UN MODELO CUPULAR DE RELACIÓNS LABORAIS, NO QUE TODO SE DECIDA ENTRE UN NÚMERO REDUCIDO DE PERSOAS E NO QUE OS TRABALLADORES QUEDEMOS REDUCIDOS Ó PAPEL DE COMPARSAS. Vímolo claramente nas negociacións do convenio/plan, cando houbo unha total opacidade informativa (ocultamento das actas, ocultamento dos documentos da negociación, etc.) por parte dos negociadores sindicais. Os correos de Xaquín romperon ese bloqueo informativo. Nalgunha reunión de negociación, #CCOO queixouse das filtracións.

Esta ameaza de sanción non ten nada que ver cun suposto mal uso do correo nin é unha cuestión persoal, senón que é un ataque contra o sindicalismo combativo e coherente na defensa dos intereses dos traballadores. Consciente de que a #CGT nin se compra nin se vende, a empresa opta pola vía ditatorial, pola censura. É unha auténtica vergonza que nunha empresa pública, e cun goberno que se declara socialista, un traballador sexa ameazado cunha sanción por enviar a algúns dos seus compañeiros información sobre o convenio colectivo, un tema totalmente laboral. ¿Tamén vai prohibirlle a empresa falar cos compañeiros na máquina do café? O compañeiro xa informou ó comité de empresa, que debe protestar contra o que é unha limitación do dereito básico dos traballadores a intercambiar información e opinións sobre as súas cuestións laborais, esixindo a retirada da ameaza de sanción.

A actitude da empresa representa un intento intolerable de limitar a liberdade de expresión, pero nos tempos que corren é completamente inútil. Estamos recabando información sobre os aspectos legais do asunto. Adoptaremos tamén outras medidas, que daremos a coñecer proximamente. Pero TODO TRABALLADOR/A QUE QUEIRA RECIBIR INFORMACIÓN PODE ESCRIBIR A: naval.ferrolterra@cgtgalicia.org, INDICANDO UN CORREO PERSOAL OU UN NÚMERO DE TELÉFONO, E TAMÉN SE QUERE RECIBIR A INFORMACIÓN POLO CORREO, POR UNHA LISTA DE DISTRIBUCIÓN DE WASAP OU POR AMBAS VÍAS.

Así mesmo, FACEMOS UN CHAMAMENTO A TÓDOLOS TRABALLADORES A QUE DIFUNDAN A INFORMACIÓN POR TÓDOLOS MEDIOS POSIBLES: BOCA A BOCA, COLOCANDO OS NOSOS COMUNICADOS NOS TABOLEIROS DE ANUNCIOS DAS FACTORÍAS, POLO CORREO ELECTRÓNICO, POLO WASAP…

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol