post

 

Continúan as mobilizacións no centro de traballo de Atento na Coruña. As preto de 600 traballadoras e traballadores da empresa de contact center (centros de atención de chamadas) están chamadas a unha nova xornada de folga hoxe, 20 de agosto,, convocada por todas as forzas sindicais con presenza no comité de empresa, do que forma parte a CGT.

As mobilizacións comezaron o pasado 28 de maio, manténdose ata o de agora -e indefinidamente- paros dunha hora por quenda de traballo todos os luns, agás o pasado luns 16 de xullo cando, como desta vez, o paro foi de 24 horas e tivo un seguemento de máis dun 90 por cento.

As e os traballadores de Atento vimos reivindicando dende entón o cese de despedimentos inxustificados (que a empresa non ten reparos en recoñecer como improcedentes) e doutros amparados no absentismo que, se ben son considerados obxectivos, non deixan de ser aberrantes por ser froito dun absentismo do que a propia empresa é responsable en grande medida: denunciamos as presións diarias que sofremos, os insoportábeis ritmos de traballo impostos, os exasperantes controis das nosas xornadas laborais, as constantes ameazas e os acosos que padecemos con tal de sacar adiante as chamadas dos clientes que atendemos; sen importar a calidade na atención e moito menos as nosas -cada vez máis- penosas condicións laborais. A iso hai que engadir as persistentes agresións de Atento no tocante a sancións noxentas e sen fundamento, o ter que aturar a imposición das vacacións e de obxectivos inalcanzábeis e nunca negociados (que logo a empresa usa para pretender xustificar novos despidos) e un sinfín de afrontas máis que non estamos dispostas a consentir.

É lamentable que o cliente principal para o que traballamos (Telefónica-Movistar) sexa consciente e cómplice desta situación. Son xa 20 os anos de explotación laboral que levamos aguantando, dende que abriron as portas do centro da rúa Juan Flórez.

Como queira que a empresa non dá mostras de tentar resolver o conflicto, todo apunta a que esta xornada non será a última de mobilizacións e loita. Polo momento seguerán as convocatorias de paros dunha hora por quenda os vindeiros luns.

Sección Sindical de CGT en Atento-A Coruña