post

 

Os sindicatos abaixo asinantes facemos pública a nosa valoración ao respecto da mobilización convocada pola CIG para o 19 de xuño.

Primeiro: os sindicatos asinantes hai anos que mantemos unha posición consensuada, froito dos debates conxuntos, pero en pé de igualdade, sobre a necesidade da convocatoria dunha folga xeral. No entanto concluímos que a convocatoria da CIG non reúne as condicións e as garantías necesarias para ser catalogada coma tal polo seguinte:

  • Unha folga xeral debe ser convocada por unha demanda social que loxicamente inclúa un traballo previo de contactos entre organizacións sindicais, colectivos, plataformas e movementos sociais; non poden, polo tanto, obedecer a decisións dunha parte que substraia a vontade da totalidade. Neste caso a folga deixa de seren un instrumento da clase traballadora para se converter no instrumento dunhas siglas.

  • Se a vontade da convocatoria está en paralizar o país e os sectores produtivos, que é o obxectivo dunha convocatoria de folga, a mobilización da CIG non reúne esas condicións pois pretende que non haxa convocatoria conxunta de todos os sindicatos, nin manifestación conxunta, nin en definitiva traballo previo conxunto pois xa determinaron todas as condicionantes de como debe ser esta mobilización (que chaman folga) sen contar con ninguén.

Segundo: as condicións obxectivas para convocar unha folga son evidentes, hoxe igual que hai varios anos, pero as condicións subxectivas non o son. En todo caso, estas últimas, requiren un esforzo pedagóxico que dificilmente pode darse convocando unha mobilización o 1 de maio de cara ao 19 de xuño. Sen abondar máis en que non se contou co resto de forzas sindicais para facelo, hai escasa marxe para informar e mobilizar os centros de traballo. Isto fai que, os sindicatos alternativos, entendamos que esta convocatoria semella ter máis que nada a intención de facer unha manifestación ese día e non parar o país.

Terceiro: para nós, a folga é un instrumento de loita para dar un salto cara adiante, unha mobilización mal convocada, igual que unha folga mal convocada, pode converterse en nefasta para os intereses do pobo e da clase traballadora, pode ser incluso antisindical.

Cuarto: non imos secundar a convocatoria da CIG, do mesmo xeito que tampouco imos traballar na súa contra. Agardamos que nun futuro poidamos chegar a unha convocatoria conxunta na que o importante sexa a clase traballadora e non as siglas.

Quinto: mentres seguiremos denunciando que ante a presión do capital e do patriarcado (precariedade, pensións, privatizacións do público, discriminación de xénero…) só cabe un camiño, que non é outro que a unión de todas estas loitas e o esquecemento dos réditos particulares.

CUT, SF, SAGAP, SE, STEG, CGT

En Compostela, 24 de maio de 2018

Share on FacebookTweet about this on Twitter