post

 

O pasado xoves Atento iniciou un novo proceso de modificación das condicións de traballo de preto de 1000 traballadores, 63 no centro da Coruña, dos que máis da metade tiveron que reducir a súa xornada por coidado de familiar, dada a imposibilidade de conciliación da vida familiar e laboral cos horarios que a empresa impón. Tras ser declarada nula pola Audiencia Nacional a modificación realizada pola empresa o pasado mes de novembro, Atento insiste na reestruturación de parte do persoal con cambios de horarios que, ademais de impedir conciliar, implica perdas económicas para moitos compañeiros ao perder os pluses que viñan percibindo ata agora e impón quendas partidas con sábados e domingos alternos, tamén en xornada partida, a máis de 600 traballadores, moitos deles con salarios que non chegan aos 700 euros.

A escusa para afrontar estas modificacións é un oculto e malintencionado cambio realizado por Movistar no horario de atención do 1004, aínda que o certo é que non houbo ningún cambio no horario de atención senón que Movistar e Atento decidiron deslocalizar as chamadas neses horarios para así poder aumentar os seus beneficios. Para a CGT, esta medida é innecesaria e esconde o intento de desfacerse dos seus traballadores impoñéndolles horarios que non poidan asumir obrigándoos con iso a perder os seus postos de traballo, ou, en caso quen consiga manter o traballo, precarizando aínda máis as súas condicións laborais.

Para esixir a retirada desta medida a CGT convoca paros de dúas horas por quenda o mércores 5 de xullo e o xoves 6 de xullo. Coincidindo cos paros e diante do centro de traballo en Juan Flórez o mércores terá lugar unha asemblea informativa ás 11 e ás 17 horas e o xoves ás mesmas horas unha concentración en protesta por unha agresión máis ás nosas vidas.

A Coruña ao 3 de xullo de 2017

Sección Sindical da CGT en Atento

Share on FacebookTweet about this on Twitter