post

 

A CGT oponse á instrumentalización dos axentes sociais do réxime con mobilizacións espectáculo para volver asinar un Pacto Social e outro novo Pacto de Toledo.

Os sindicatos do Pacto Social continuo, escondidos durante estes longos anos de crise-estafa, volven querer «ser necesitados» pola patronal e os partidos gobernantes, para tentar chamar a atención e que lles fagan un pouco de caso.

Tentárono en novembro pasado, con dous chamamentos á «mobilización», para «presionar» aos seus interlocutores, goberno por unha banda, na mesa do Pacto Social onde se discute o marco de relacións laborais e as pensións e, por outro, á patronal CEOE, coa que pretenden establecer referencias de incrementos salariais para a negociación colectiva.

A clase traballadora non responderon a esa mobilización e quedou ao descuberto a táctica instrumentalizadora, que soamente a usa como forza de choque de usar e tirar para chegar a uns acordos vergonzantes, os cales, ao longo dos últimos 30 anos non fixeron senón liberalizar, desregular o mercado de traballo e ser corresponsables da actual situación de emerxencia social en que nos atopamos a maior parte da sociedade.

Os sindicatos institucionais volven querer recuperar o seu papel de actores funcionais a patróns e aos seus representantes (os políticos). Os seus chamamentos agora son manifestacións descentralizadas o 19 de febreiro.

Buscan ter algunha forza, como carta de «negociación» nas mesas nas que se atopan.

Á CGT, como xa manifestamos nas anteriores mobilizacións de novembro do 2016, non nos vale como principio básico da sociedade un novo contrato social calquera: aceptación do réxime constituído das finanzas, das desigualdades, do suicidio colectivo nos modos de producir e consumir, da loita de todos contra todos (competitividade); da sociedade das mercadorías e non das persoas; do goberno das institucións e non da autoxestión da Vida por parte das persoas.

Faise necesario unha mobilización social, ampla e radical, dos millóns de persoas que fomos desposuídas das nosas conquistas: o traballo, a casa, os salarios, as pensións e os servizos públicos máis elementais. Estes axentes sociais foron parte fundamental do problema e, por tanto, non son parte da solución.

A CGT, xunto a numerosas organizacións e movementos sociais, cos sindicatos alternativos e as distintas plataformas en defensa do público, do común, estivo na rúa, construíndo organización de maneira cooperativa e solidaria, co único obxectivo de enfrontarnos ás políticas neoliberais e que as persoas, todas, teñamos Dereito a ter Dereitos para ter un proxecto de vida digno.

As Marchas da Dignidade, representan ese recipiente de encontro das persoas de abaixo, e é desde a rúa, non desde os despachos, que foron capaces de parar desafiuzamentos, de  impedir despedimentos, de exercer solidariedade cando alguén é criminalizado por defender o de todos e todas (a folga, a sanidade, a educación») e de pelexar contra unha Débeda ilexítima que nos está roubando todo o noso sistema público de Protección Social, comezando polas Pensións e os salarios.

O día 25 de Febreiro volveremos ás rúas para defender as Pensións e os Servizos Públicos, o Non ao pago da Débeda ilexítima, a derrogación do artigo 135 da Constitución e a Amnistía Social para todas as persoas represaliadas por loitar. Defenderemos tamén a derrogación das dúas últimas reformas laborais e das leis mordaza. Esa é a nosa Mobilización, coas persoas e colectivos que non foron cómplices deste xigantesco atraco social.

Non queremos un novo Pacto Social nin un novo Pacto de Toledo. As clases asalariadas e a sociedade civil, non sentimos representadas por quen é parte do problema. A loita das persoas desposuídas e roubadas, a maioría social, é a única forza que fará posible unha sociedade con maior xustiza social.

O 25 DE FEBREIRO OCUPEMOS XUNTAS AS RÚAS

Comparte esta noticia...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin
Print this page
Print
Email this to someone
email