Desde a orixe do capitalismo, o público véuselle usurpando á clase traballadora que o crea e, pola contra, entregándoo aos grandes grupos empresariais e financeiros. Esta usurpación e saqueo puidérona facer grazas á colaboración servil dos diferentes gobernos co poder económico, fose cal fose o seu signo político, en defensa dos intereses dos grandes capitalistas. Desde 2007, coa crise-estafa, os gobernos, xunto as institucións da Unión Europea e do sistema capitalista, FMI, BM, BCE, espoliaron as rendas salariais, empobrecendo a maioría social para beneficio privado duns poucos desalmados, e as conquistas sociais e servizos que ofrecían un mínimo de protección á clase obreira. Sabemos tamén, por reiteradas experiencias, que non é votando como se garanten os dereitos e as liberdades, como se recupera todo aquilo do que nos desposuíron e que era noso, nin se impiden novos atracos sociais. É coa protesta na rúa, coa presión popular, coa loita decidida de todos, goberne quen goberne, como conseguiremos establecer un modelo de sociedade onde podamos vivir con Dignidade.
Non estamos a loitar pola estatalización da vida, estamos a loitar por defender o Común, o que é de todos, e por iso defendemos tamén a necesidade e o dereito á autoorganización, xestión directa e participación na toma de decisións, tanto por parte das persoas usuarias e dos traballadores dos devanditos servizos, como da clase traballadora no seu conxunto. Trátase de exercer a Democracia Directa, a participación real en todo aquilo que nos afecta vitalmente.
Por estas razóns, a CGT de Galicia chama a toda a súa afiliación e a todas as persoas que compartan estes criterios, ao Sindicalismo de clase alternativo, ás Mareas cidadás, aos estudantes, aos colectivos e movementos sociais e á clase traballadora en xeral, a continuar loitando en defensa do que é de todos, detendo este proceso de roubo xeneralizado.
CGT de Galicia

Share on FacebookTweet about this on Twitter