O vindeiro xoves, día 1, a CGT convoca unha nova mobilización ás 8 da tarde na rúa Juan Flórez 80-82, diante do centro de traballo da empresa Atento, para esixir o fin da persecución sindical contra a CGT e o cesamento das agresións ás traballadoras e traballadores que recentemente foron amoestados por Atento tras reclamar, nun exercicio de responsabilidade do que a empresa carece, un protocolo de emerxencia ante unha incidencia masiva de aplicacións informáticas como a que ocorreu o pasado 8 de setembro. Por mor da reivindicación laboral -espontánea, razoada e razoable- do persoal, Atento tomou represalias contra dúas delegadas da CGT acusándoas de instigadoras do plante laboral e tamén de extralimitarse nas súas funcións sindicais, cando neste sentido a súa actuación foi irreprochable ao defender aos traballadores e traballadoras das ameazas da empresa. Non só iso, senón que a CGT presentou inmediatamente unha denuncia polos feitos ocorridos ante a inspección de traballo, polo que cremos firmemente que a empresa está a tomar represalias contra o noso sindicato. A apertura dos expedientes disciplinarios pode supoñer unha sanción de ata 3 meses de emprego e soldo ou o despedimento das compañeiras.

O 25 de setembro a CGT presentou a Atento as correspondentes alegacións aos expedientes reclamando o arquivo das actuacións; ata o momento non obtivemos resposta.

O único fin que persegue Atento con esta deleznable e represiva actitude é a de frear a loita que este sindicato está a levar a cabo en defensa dos postos de traballo e da consecución dunhas condicións laborais dignas; basta lembrar que en menos dun ano a CGT conseguiu a declaración de nulidade dun ERE e a readmisión doutros 33 compañeiros tras demandar á empresa por outro ERE encuberto.

Desde xaneiro de 2014, a CGT leva convocando periodicamente paros e mobilizacións e facendo públicas as pésimas condicións laborais que padecen os traballadores e traballadoras en Atento, e desde entón a empresa estivo tentando amedrentar e silenciar á CGT, ata o extremo de demandala por folga ilegal durante as convocatorias deste ano. Posteriormente a demanda foi retirada, xa que a súa única pretensión era frear as mobilizacións que tanto molestan a Atento e Movistar, e non o conseguiron.

A Coruña, 29 de setembro de 2015

Sección Sindical da CGT en Atento – A Coruña