baner-22M-

O pasado día 11 de febreiro, as organización sindicais CGT, CUT, SLG, STEG, S.E. e SF acordaron subscribir o seguinte manifesto e invitan a toda a sociedade galega a que se sume:

MARCHAS DA DIGNIDADE DO 22 DE MARZO

UNIFICAR AS LOITAS PARA A TRANSFORMACIÓN REAL

Ante a convocatoria das Marchas da Dignidade que converxerán en Madrid o próximo 22 de marzo, as organizacións sindicais, sociais e cidadás de Galicia asinantes, manifestamos o seguinte:

Apoiamos as Marchas ante o gravísimo deterioro das condicións de vida do pobo, provocado porque os poderes financeiros e os seus lacaios, os representantes políticos, están destruíndo as conquistas que tanto suor e mesmo sangue custaron: empregos minimamente dignos, sanidade, educación, servizos sociais básicos, prestacións por desemprego, cultura, vivenda, transportes públicos, etc., están desaparecendo coa escusa dunha crise que é a coartada que xustifica todo tipo de desmandos.

Se a isto lle engadimos as medidas represivas que están a levar a cabo contra os dereitos de manifestación, folga ou expresión de todo aquel que se lles enfronte con decisión, o panorama non pode ser máis desolador.

Tras a nefasta Reforma Laboral que sementa dor por todas partes, na actualidade pretenden aprobar leis profundamente autoritarias e retrógradas: a lei de Seguridade Cidadá e a Lei do aborto son unha mostra disto. Todos seremos posibles obxectivos desta lexislación, que deixa nas mans do poder político e do empresariado unha patente de corso para actuar con total impunidade. Toda unha batería de medidas reaccionarias que atenta contra nós, como cidadáns e que nos nega como País.

Acusamos aos poderes políticos e empresarias, e tamén ao FMI, á UE, ao BCE, cómplices da voracidade capitalista, de:

    • – Que no estado español haxa fame e desnutrición infantil.
    • – Que haxa 12,5 millóns de pobres, con menos de 7.040 euros anuais.
    • – Que haxa seis millóns de persoas no paro.
    • – Que se reduzan drasticamente os salarios.
    • – Que se eliminen os dereitos laborais básicos, coma a xornada, a categoría ou os contratos dignos.
    • – Que se conxelen e reduzan as pensións fronte o IPC.
    • – Que se reprima selectivamente a sindicalistas e activistas sociais, así como as súas organizacións.
    • – Que se expulse a milleiros de persoas das súas vivendas.
    • – Que se lles negue a asistencia sanitaria a millóns de persoas.
    • – Que se condene a milleiros de xoves á emigración.
    • – Que se lle entregue a natureza á voracidade depredadora do capital, destruíndo o medio e o futuro.
    • – Que se destrua sistemáticamente a economía agraria e pesqueira.
    • – Que se practiquen políticas xenófobas e inhumanas cos inmigrantes.

Cando milleiros de persoas saen ás rúas, con folgas ou mobilizacións en defensa dos seus empregos ou de dereitos esenciais como á vivenda, á sanidade, á educación, aos transportes públicos e sociais, a un entorno saudable, etc., a resposta é a represión, a violencia e unha orde social autoritaria. Pero iso non se supera só con máis indignación, senón que hai que apostar pola insubmisión ás súas leis, feitas premeditadamente para favorecer aos seus amigos. Paga a pena loitar e recuperar a dignidade como pobo. Hai que pasar á ofensiva como clase traballadora e como sectores populares, e pasar a exercer a maioría social que somos.

Por iso, mobilizámonos para:•Dicirlles aos poderosos que xa abonda de nos roubar: empregos, salarios, pensións, saúde, educación e os dereitos imprescindibles para levar unha vida minimamente digna.

    • – Berrarlles nos seus pazos, sexa o Congreso, o Pazo de Raxoi, a Zarzuela ou A Moncloa, ou as mansións dos banqueiros, que xa abonda de espoliar os nosos dereitos básicos: a liberdade sindical, a liberdade de expresión, a liberdade de folga, a liberdade de opoñernos firmemente ás súas falcatruadas.
    • – Enfrontármonos aos seus desafiuzamentos das nosas vivendas e dos nosos traballos, deixándonos sen presente nin futuro.
    • – Combater radicalmente ao seu sistema corrupto, xerador de desigualdades abismais e inxustiza social.
    • – Non aceptar o seu concepto de débeda, que pretende atraparnos para sempre.
    • – Reivindicar e esixir unha sociedade xusta e igualitaria para termos unha existencia merecente de ser vivida.

Por todo isto esiximos:

    • – A restitución ao pobo dos millóns entregados ao poder financeiro.
    • – Derrogación da lexislación laboral e de pensións que tanto dor teñen espallado entre os traballadores.
    • – Reversión das medidas destrutoras dos servizos públicos, tanto en sanidade como en educación, en transportes e en enerxía.
    • – Contratos fixos e salarios suficientes para ter una existencia digna.
    • – Redución da semana laboral a 30 horas, para poder traballar todos e todas.
    • – Fixación de salarios e pensións mínimos en contía suficiente que permita unha digna independencia económica dos seus perceptores.
    • – Incautación das empresas de sectores esenciais para a vida (enerxía, auga…), así como a reversión das privatizacións dos transportes públicos (ferrocarrís, transporte público urbano, correos…) e dos servizos sociais e sanitarios.
    • – Dereito á vivenda digna inembargable.
    • – Dereito á libre decisión sobre a saúde sexual e reprodutiva, incluído o aborto con carácter libre e gratuíto.
    • – A retirada da Lei Mordaza e da prevista Lei contra a folga.
    • – A promulgación de políticas racionais para o nosa agricultura e o noso medio ambiente.

Mobilizámonos por dignidade, porque estamos convencidos de que a loita e a mobilización permanente é o único camiño e por iso convocamos e constituímonos en columna galega, a integrar nas Marchas da Dignidade que confluirán o vindeiro 22 de marzo a Madrid, como un paso máis para conseguir os bxectivos que nos temos marcado.

VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA E OS SECTORES POPULARES!
VIVA O POBO EN MOVEMENTO!
BASTA XA DE REPRESIÓN!
CONTRA O CAPITAL E OS SEUS LACAIOS!

Máis información: Blog da Plataforma Galega polas Marchas da Dignidade 22M

Comparte esta noticia...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin
Print this page
Print
Email this to someone
email