CARTEL_FERROCARRILAnte a grande cantidade de informacións acerca do tráxico accidente de tren acontecido nas inmediacións de Compostela, dende a CGT queremos manifestar o seguinte:

Parécenos de todo indignante o trato que se está a dar ao traballador que conducía o tren do accidente de Compostela.

As declaracións dos Presidentes de Renfe-Operadora e ADIF sobre os motivos do accidente e culpabilizando dende o principio ao traballador evidencian o escaso coñecemento que teñen do ferrocarril e que unicamente foron postos nestas presidencias polo seu coñecemento de economía. Co fin de aforrar custos e preparar a difusión das empresas e a súa futura privatización, algo que sempre vai en detrimento da seguridade.

Cumpre lembrar que a liña entre A Coruña, Santiago e Ourense, e a de Madrid a Alicante, se inauguraron como liñas de Alta Velocidade, e así se recolle nas hemerotecas, onde están os políticos que participaron no evento e que tanto presionan para que se produzan as inauguracións, custe o que custe, para poder saír na foto.

Estas liñas non dispoñen dos sistemas de seguridade axeitados para circular como o resto de liñas AVE. Non están sinalizadas como as liñas convencionais pois se supón que os sistemas de seguridade suplen o sistema de sinalización, sempre e cando existan estes sistemas de seguridade.

Non está prohibido o uso de teléfono móbil, é máis, é unha ferramenta de seguridade da que dotan aos maquinistas, por iso nos postos de mando, gabinetes de circulación e estacións sempre se coñece qué maquinista conduce o tren e mailo seu número de teléfono corporativo.

O traballador é o último elo na cadea de seguridade e non o único, como aconteceu no tráxico accidente acontecido o día 24 de xullo.

Para a CGT hai moitas preguntas a realizar, ás que aínda ninguén deu resposta:

  • Por que se inauguran como vías de Alta Velocidade cando non están acondicionadas para que así sexa?
  • Por que se utilizan vehículos Talgo serie 730 nesta liña cando este tren non é compatible co sistema de seguridade ERMTS?
  • Por que se pide circular sen o sistema de seguridade ERMTS ao Talgo serie 730 nesta liña e porque se lle permite?
  • Por que sabendo que vai sen ERMTS non se sinaliza a vía como a convencional para que o maquinista teña toda a información?
  • Por que sabendo que vai sen ERMTS non se puxo unha baliza para que actuase o ASFA Dixital?

Na CGT entendemos que hai moitas responsabilidades que dirimir no tráxico accidente de Santiago de Compostela e dende CGT estamos dispostos a actuar xuridicamente ata que así sexa.

Dende CGT cremos que a división do transporte ferroviario en Renfe-Operadora e ADIF xera malas xestións, disfuncións e baleiros que afectan gravemente á seguridade. Nunca se debería ter fraccionado a extinta empresa RENFE, para garantir a coordinación máxima e sobre todo, o máis importante, a seguridade.

Sector Ferroviario da CGT de Galicia

Comparte esta noticia...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin
Print this page
Print
Email this to someone
email