O Sector Ferroviario da CGT fixo público un comunicado ante o gravísimo accidente ferroviario acontecido en Compostela no serán de onte. O texto do comunicado é o seguinte:

Neste momento de dor é necesario priorizar a atención ás vítimas, entre as que se contan tamén cinco ferroviari@s (dous tripulantes falecidos, dous maquinistas e o interventor feridos), así como as súas persoas próximas.

A CGT decidiu desconvocar as folgas no Sector Ferroviario, as primeiras das cales ía ter lugar o próximo día 31 de xullo. Consideramos que esta desconvocatoria é un acto necesario de responsabilidade, tendo en conta que todos os ferroviarios estamos conmovidos por esta traxedia e é o momento de apoiar os afectados e de evitar tensións, de analizar o acontecido e de reflexionar sobre as razóns que permitiron que algo así puidese suceder.

Pero non podemos esquecer, precisamente nestes momentos, que a seguridade, un dos motivos da nosa convocatoria, é e segue sendo unha das prioridades para a CGT; non podemos permitir que no ferrocarril se sitúe ningún tipo de interese por enriba da seguridade de usuarios e traballadores, nin podemos consentir que traxedias como esta se repitan.

Dende a CGT expresamos a nosa condolencia polas vítimas, a nosa esperanza de recuperación aos feridos e todo o noso apoio a familiares e amigos.

Sector Federal Ferroviario da CGT

Comparte esta noticia...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin
Print this page
Print
Email this to someone
email