Hoxe, domingo 17 de xuño, pasadas as 12,30, daba inicio a Manifestación – Cazarolada contra os recortes e a reforma laboral, que tiñan convocado conxuntamente a CGT da Coruña e maila CUT. A pancarta da cabeceira lucía o lema da manifestación: «Políticos corruptos, patróns escravistas, banqueiros ladróns … Temos que acabar con eles».

Preto de dous centos de persoas participaron nunha ruidosa marcha que atravesou o centro da cidade con berros como «Non faltan cartos, sobran ladróns», «A ti que estás mirando, tamén te están roubando», …, para rematar na praza do Humor. Ao termino da manifestación se deu lectura aos manifestos de ambalasdúas organizacións convocantes. O voceiro da CGT da Coruña deu lectura ao seguinte texto:

«Unha vez máis estamos na rúa para protestar pola insostible situación actual. Lonxe de arranxar os problemas da poboación, os gobernantes seguen aplicando medidas de recortes que afectan directamente ás persoas máis indefensas, empobrecendo duramente á clase traballadora, a este pobo espremido, explotado e vítima das súas falcatruadas.

Xa non imos contar os millóns de persoas que están no paro, nin as familias nas que todos están sen traballo, nin as persoas que perderon as súas vivendas, nin os que viron recortados os seus salarios e dereitos, nin os que teñen que vivir da beneficencia… Basta xa de estatísticas da miseria e da precariedade. Hoxe vimos a dicirlles aos poderosos que isto non vai continuar así, que non imos aturar que nos leven á ruína e á miseria, que non imos aceptar as súas mentiras e que a cada novo roubo e a cada agresión nos van ter enfronte.

Qué podemos dicir dos banqueiros, ladróns legais, que levan anos sometendo á poboación aos seus ditados e que agora temos que salvar entre todos? Milleiros de millóns de euros volatilizados e agora témolos que pagar nós!

Qué dicir dos políticos, lacaios do capital máis cobizoso, sempre dispostos a lexislar a favor dos poderosos, sempre co cazo na man… e sempre prestos a facer que o pobo sufra no seu lombo as consecuencias das súas vidas de luxo?

Qué falar dos pobres empresarios?, sempre listos a apertar un pouco máis as torcas aos traballadores e traballadoras, sempre queixándose dos salarios que pagan –por moi miserentos que sexan- , sempre tangando nas vacacións, sempre chourizando nos horarios, e sempre rápidos a recibir subvencións para chuchar da ubre do Estado!

Cómo nos imos esquecer dos xuíces, sempre dispostos a castigar ao que se rebela, ao que se resiste, ao que discrepa, ao que loita, e sempre comprensivos co sufrimento dos ricos, dos especuladores, dos dirixentes, dos políticos!

Non imos seguir así. A clase obreira non vai permitir que a pisen sen chiar. Imos acabar cos estes políticos mentiráns, con estes patróns negreiros, con estes banqueiros ladróns e con estes xuíces prevaricadores. A clase obreira seguirá loitando pola defensa dos seus dereitos e non permitiremos que catro voitres preeiros sigan aproveitándose de nós.

Non deterán esta loita co brutal aumento da represión. Prisión, multas e detencións por participar nunha folga, por exercer a liberdade de expresión ou de reunión; en definitiva, por discrepar do pensamento dominante e por rebelarse contra este sistema inxusto.

A CGT non abandonará a súa loita a prol dos nosos dereitos de clase e continuará esixindo a derrogación da reforma laboral e de todos os recortes nos servizos públicos e nos gastos sociais.

Compañeiras e compañeiros: Viva a loita da clase obreira!