CGT de Galicia

Inicio Convocatorias Sindical Social Internacional Formación Orgánica Opinión
A Coruña Ferrol Lugo Ourense Pontevedra Santiago Vigo Vilagarcía Directorio

A Coruña, Sindical

Chamamento da CGT da Coruña á afiliación, simpatizantes e traballadores en xeral

17.01.12

NON É HORA DE RESIGNACIÓN, SENÓN DE LOITA

Compañeiras e compañeiros: as condicións de vida da clase traballadora están pasando polo seu peor momento en décadas: cinco millóns de traballadores están no paro, centos de milleiros sobreviven a costa das súas familias ou de subsidios de miseria, milleiros están perdendo as súas vivendas, as colas das organizacións caritativas nunca foron tan longas… e non acabaríamos nunca de describir a situación actual.

En moitos xa se asentou a resignación e o conformismo; mentres os políticos –antes os do PSOE e agora os do PP- cargan sobre as clases máis débiles as súas receitas contra a chamada crise, os que a provocaron continúan impunes e, o que é máis indignante, seguen enchendo os seus petos entre a miseria e o desastre xeralizados. Nestas receitas participan tamén os sindicatos institucionais, sempre dispostos a negociar calquera cousa a cambio de manter os seus chiringuitos. Esta resposta feble está a provocar que o medo e a desmoralización se estea contaxiando rapidamente.

Para a CGT da Coruña, é este o momento en que máis cómpre a utilización de dúas armas fundamentais dos traballadores: a solidariedade e a mobilización.

• Solidariedade: para que ningunha compañeira ou compañeiro agredido, sexa con despedimento, baixa de soldo ou empeoramento das súas condicións xerais de traballo se atope só ante a voracidade dos patróns.

• Mobilización: para que todos amosemos na rúa que non estamos dispostos a transixir coa explotación nin moito menos a aceptar sobre as nosas costas a carga dunhas medidas que non nos van deixar recoller nin as migallas mentres eles gozan dos seus coches e casas de luxo.

Por todo isto, a CGT da Coruña faivos un chamamento para que superemos esta actitude de pasividade ante os ataques contra nós como clase e que participemos nos actos de solidariedade cos compañeiros que sexan agredidos –se nos tocan a un, tócannos a todos- e nas mobilizacións xerais e sectoriais que se vaian convocar, amosando aos patróns e aos políticos que non poderán roubar facilmente as conquistas de xeracións de traballadores.

ARRIBA OS CORAZÓNS!

CONTRA AS FALCATRUADAS DA PATRONAL, SOLIDARIEDADE

CONTRA OS RECORTES E MEDIDAS ANTISOCIAIS, MOBILIZACIÓN

Imprimir este artigo Imprimir este artigo  | 

«
»

Web da Confederación Xeral do Traballo de Galicia (CGT)

Correo da páxina: web[arroba]cgtgalicia[punto]org

Todos os contenidos están baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons  XHTML 1.0 Transitional válido  Feito con GNU/Linux