21 de decembro de 2010: Folga de consumo 20:00 H Manifestación dende Praza Fernando o Católico ESTE MARTES 21 DE DECEMBRO: FOLGA DE CONSUMO CONTRA O CAPITALISMO: XORNADA SEN CONSUMO, DÍA SEN COMPRAS POR QUE UNHA FOLGA DE CONSUMO? Tras a Folga Xeral do 29-S, traballando pola convocatoria de novas folgas xerais no estado español e unha Folga Xeral europea, proseguimos cun calendario de mobilizacións, manifestacións, de loitas en fábricas, empresas, sectores, territorios… contra as políticas antisociais do goberno, a reforma laboral, a reforma das pensións, os recortes sociais e laborais, ata conseguir a derrogación de todas estas leis e instaurar as bases dun novo modelo social, económico e produtivo que non estea baseado no produtivismo, o crecemento indiscriminado, a política de desenvolvemento, a explotación, o consumismo.

Loitar contra o consumismo é loitar contra o capitalismo, renunciando á dilapidación dos recursos, ao incremento da produción co só obxectivo de obter beneficios pasando por enriba da saúde e da calidade de vida dos traballadores ou a propia continuidade da vida no planeta. O consumismo é o estilo de vida propio deste sistema social neoliberal, que explota as persoas, espolia os recursos dos países pobres, xera a enfermidade crónica da insatisfacción permanente e non valora a satisfacción das necesidades senón que nos converte en obxectos escravos de todo o superfluo e innecesario que o mercado nos presenta. QUE É A FOLGA DE CONSUMO? É moito máis que un día sen compras. Supón reformularse o sistema produtivo que padecemos. Implica unha reflexión moi crítica sobre os hábitos e tipo de vida que temos, como actuamos, que pensamos, para que traballamos, que sentido ten a propiedade, en que gastamos o que gañamos… Implica unha aposta pola austeridade, unha aposta pola repartición do traballo e da riqueza, unha aposta polo decrecemento, contra a ostentación, o luxo, o dispendio, o superfluo…   Significa cambiar a orde de prioridades sobre o que se debe seguir producindo, en que sectores seguir crecendo e en que sectores é necesario decrecer, unha reflexión sobre o que se debe consumir, sobre a calidade de vida, sobre a soberanía alimentaria, sobre a procedencia dos produtos que comemos, sobre a solidariedade cos países e persoas explotadas polo primeiro mundo, sobre a necesidade de reciclar, de compartir, de apoiarnos mutuamente, sobre o tipo de enerxía renovable que hai que potenciar… A Folga de Consumo supón afirmar a nosa capacidade de autonomía e autoxestión fronte a un sistema produtivo capitalista que entende as persoas tan só como consumidores ou recursos que hai que explotar. Trátase de boicotear e non adquirir ningún tipo de ben, produto ou servizo durante o próximo 21 de decembro, co obxectivo de paralizar o sistema produtivo, as grandes empresas, bancos, multinacionais e obrigar os gobernantes do estado central, autonómico e local para que corrixan a súa actual política económica insostible e antisocial que maltrata, despreza e despoxa a todos os colectivos desfavorecidos. QUEN PODE FACER A FOLGA? A diferenza dunha Folga Xeral, a Folga de Consumo, pode ser secundada por toda a sociedade, empezando polos que máis están a sufrir esta crise: as persoas paradas, xubiladas, traballadoras, autónomas, estudantes, etc.   COMO PARTICIPAR NA FOLGA? Non comprando, nin adquirindo, nin consumindo calquera tipo de ben, produto ou servizo que non sexa imprescindible. Por exemplo: # Ao levantarnos, consumir a mínima cantidade de electricidade ou auga, baixar o termóstato varios graos, non usar produtos contaminantes, tóxicos… # Realizar os desprazamentos en medios públicos de transporte e, se é posible, andando ou en bicicleta. Se fose imprescindible o uso dun vehículo particular, procurar non viaxar sós ou soas e compartir o desprazamento con outras persoas. # Non comprar nos grandes almacéns, centros comerciais, supermercados, bancos, gasolineiras, bares, cafetarías, restaurantes, comercios, empresas de venta telefónica ou por Internet… # Evitar o consumo telefónico, o uso das tarxetas, o envío de correo electrónicos, a instalación de calquera servizo… # Retirar o diñeiro dos bancos (quen o teña) para que comprendan que o diñeiro é noso e que temos poder para transformar a realidade. CONTRA QUEN VAI A FOLGA? A Folga de Consumo non se fai contra o pequeno comercio ou autónomos, que tamén están a pagar a crise que bancos, multinacionais e especuladores provocaron. Estes sectores poden e deben apoiar esta folga. A Folga de Consumo realízase contra os responsables da crise (banca, especuladores, patronal, clase política). Os grandes bancos, multinacionais e especuladores que ocasionaron a crise do mercado financeiro mundial e que recibiron axudas de decenas de miles de millóns dos contribuíntes, están agora a forzar aos gobernos para atrasar a idade de xubilación aos 67 anos, para abaratar aínda máis o despedimento tal e como xa conseguiron coa Reforma Laboral, para privatizar a Seguridade Social pola vía do copagamento, queren recortar máis dereitos sociais e laborais, seguir reducindo o noso poder adquisitivo rebaixando ou conxelando aínda máis salarios e pensións…, e é necesario paralos.   Con esta Folga podemos demostrar en mans de quen está a clave da transformación social e definir un novo modelo produtivo e social non baseado no consumismo, a especulación e a explotación das persoas e do planeta. O modelo económico e político do Capitalismo e Neoliberalismo fracasou, social e ecoloxicamente. O capitalismo pretende seguir aumentando as súas grandes fortunas recortando os nosos dereitos, salarios e prestacións sociais; e intentando que traballemos máis horas e anos por menos diñeiro. Esta é a súa forma desapiadada de crear emprego. Debemos demostrar a quen realmente ten a culpa desta crise e ás súas marionetas, «a clase gobernante», que somos a maioría da sociedade: desempregados, estudantes, traballadores, xubilados, autónomos quen, co noso traballo e consumo, mantemos o modelo actual e o podemos cambiar. Estamos cansos de sufrir a súa dobre rapadoira: . Mentres nos piden esforzos económicos con maiores impostos e austeridade salarial, as súas grandes fortunas seguen aumentando escandalosamente. Directivos e conselleiros do IBEX 35 teñen un salario medio de 1 millón de Euros, mentres que en Wall Street seguen incrementando os seus salarios que, en conxunto, son maiores ao Produto Interior Bruto de España. . Á vez que piden abaratar aínda máis o despedimento, blíndanse os contratos percibindo indemnizacións millonarias (9,1 millóns de euros custou o despedimento dun directivo en Galletas Gullón, por exemplo). . Pídennos moderación nas pensións, pero Emilio Botín (do Santander) ou Francisco González (do BBVA) adxudicáronse unhas pensións de 24,6 e 79,8 millóns de Euros. . Recortan dereitos sociais e soben os impostos que afectan á maioría da cidadanía (IRPF, IVE), pero non toman ningunha medida para que quen causou esta crise colabore na súa resolución facendo que pague máis de verdade, quen máis ten.   Pola repartición do traballo e da riqueza.   Repartir o traballo traballando menos para traballar todos, reducindo para iso a xornada laboral sen diminución de salario, eliminando as horas extraordinarias e os axustes, adiantando a idade de xubilación e excluíndo a intermediarios como as subcontratas ou as ETTs. Repartición da riqueza, entendendo esta repartición non como accións ou dividendos entre a poboación, senón empregando ese diñeiro nuns servizos públicos de calidade e con carácter universal para que poidamos gozalos os que realmente producimos dita riqueza. Contra a Reforma Laboral e a Reforma das Pensións, polo mantemento do poder adquisitivo para asalariados e pensionistas, por un novo modelo social e produtivo sostible cuxos beneficiarios sexamos as persoas e non os mercados. Despois do 29-S? 21 de decembro, FOLGA DE CONSUMO CONTRA O CAPITALISMO»

Comparte esta noticia...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin
Print this page
Print
Email this to someone
email