O pasado martes 2 de febreiro a Cruz Vermella presentou en ERE definitivo, que vai supor a destrución de 70 postos de traballo e o peche do Hospital que esta ONG ten na cidade de Vigo.

Dende o primeiro momento o Sindicato de Oficios Varios de Vigo da CGT se ten volcado totalmente neste conflito. Participando activamente en todas as accións de protesta levadas a cabo, dende concentracións ata a actual recollida de sinaturas de apoio, así como nas reunións ca empresa.

O SOV de Vigo, da Confederación Xeral do traballo, oponse totalmente a esta medida, que non so vai significar o despedimento de 70 mulleres e homes, motivo mais que suficiente por si só, senón que vai significar o peche dunha infrastructura sanitaria imprescindible na comarca de Vigo.

A falla de camas hospitalarias na nosa comarca é un feito coñecido e recoñecido. E no caso de enfermos crónicos ou que precisen longas estadías hospitalizados, como son os pacientes atendidos no Hospital da Cruz Vermella, esta carencia é aínda mellor.

Atopámonos pois ante unha agresión, non so os traballadores/as e enfermos do hospital, atopámonos ante unha agresión a toda a cidadanía de Vigo a da súa area de influencia. Se o peche se leva acabo, vai desaparecer un servizo imprescindible para todos nos, cidadan@s de Vigo.

Neste ERE, todos somos afectados.