Os compañeiros e compañeiras da CGT de Correos na Coruña (xunto con outras organizacións sindicais) seguen as mobilizacións en solidariedade con dúas compañeiras que están sendo obrigadas a se reincorporar aos seus postos tras sendas baixas de longa duración sen terse recuperado das súas doenzas.

O pasado 25 de xaneiro tivo lugar unha concentración diante da entrada do edificio principal de Correos na Coruña, e xa está convocada outra concentración para o vindeiro venres, 5 de febreiro, ás 11:30 horas, diante das oficinas da Seguridade Social na rúa de Federico Tapia da cidade da Coruña.

No pasado mes de Novembro, estas dúas compañeiras carteiras, de reparto a pé, que se atopaban de baixa por enfermidade, recibiron sendas comunicacións denegándolles as licencias correspondentes ás baixas dadas polos seus médicos, tendo que reincorporarse ao traballo.

Unha delas, intentouno e  tivo que ser atendida polos servizos de urxencia e actualmente segue a presentar as súas baixas regulamentariamente, e Correos, considéraa en ausencia inxustificada.  A outra compañeira atópase en período de vacacións de 2010, como último recurso a unha situación que non pode afrontar; unha situación que o mesmo Comité Estatal de Saúde Laboral  de Correos lle recoñeceu no ano 2008, afirmando, para optar a outro posto, que “no puede desempeñar el puesto que tiene adjudicado de forma definitiva,  y es irrecuperable para la realización de las tareas de dicho puesto…”

Pero as protestas dos compañeiros e compañeiras de Correos se refiren tamén ao novo sistema organizativo da carteiría, (as seccións flotantes) que se impón sen preguntar nin consensuar con ninguén, comezando na Coruña para logo se estender ao resto do territorio;  constituíndo un grave ataque ao dereito a unha estabilidade na zona de reparto e mais un deterioro das condicións de traballo. Pero toda a cidadanía tamén se verá afectada empobrecendo o servizo coa perda da  figura dun carteiro da súa rúa.

Tedes mais información das mobilizacións no blog da CGT de Correos na Coruña.