Ante a incorporación da Asociación de Empresarios de Redondela como convocantes da manifestación que hoxe se vai celebrar en Redondela baixo o lema “pola defensa do territorio e da nosa calidade de vida”, esta federación local de Sindicatos manifesta:

Resulta chocante que dita asociación empresarial se opoña xusto agora á execución de grandes infraestructuras coma o AVE ou a proxectada autovía (alternativa 5), proxectos que entran na liña dos seus obxectivos empresariais de dotar de vías de comunicación á industria local e o desenvolvemento pleno dun modelo económico baseado principalmente na depredación dos recursos en aras do propio beneficio. Así, resulta de igual xeito chocante que se opoñan xusto agora ao proxecto de polígono industrial en Saxamonde, sendo reivindicación constante desta asociación o desenvolvemento do tecido industrial para situar no Concello as empresas dos seus asociados. De igual xeito acontece no resto de proxectos industriais e de infraestructuras que voan ameazantes dende hai anos sobre as cabezas dos veciños e veciñas de Redondela, que levan todo este tempo alertando destas actuacións lesivas para o territorio e a calidade de vida de todos e todas sen o apoio, ata agora cando o clamor social se fai evidente, de dita asociación empresarial.

Pensamos que a asociación de empresarios de Redondela o que persigue, coa súa participación en dita mobilización, é única e exclusivamente erosionar o goberno municipal para favorecer así ao partido na oposición no concello, é dicir: o partido popular. Trátase dunha manobra oportunista que non se debe tolerar porque se trata dun intento claro de manipulación política de todo un conglomerado de asociacións veciñais e de afectados/as cara un interese electoral evidente, cando nunca ata o momento se plantexou a loita de ditos colectivos neses termos. É mais, os intereses de calquera asociación empresarial son irreconciliables cos dos veciños e veciñas e cos deste Sindicato de Clase.
Que a incorporación desta asociación empresarial realizouse a última hora, aparecendo na cartelería e na propaganda de dita manifestación como convocantes, polo que por este motivo a CGT dende que ten coñecemento deste feito se retira automaticamente como convocante de dita manifestación, a pesares de que comparte os motivos fundamentais da convocatoria e subscribe o manifesto conxunto elaborado pola totalidade de agrupacións veciñais e de afectados polas grandes infraestructuras proxectadas na práctica totalidade do concello de Redondela.

A CGT segue a apoiar os contidos fundamentais desta mobilización e apoia tamén o seu manifesto conxunto, mais retírase na súa calidade de convocante polos motivos anteditos.

MANIFESTO

POLA DEFENSA DO TRRITORIO E DA NOSA CALIDADE DE VIDA

>VECIÑOS E VECIÑAS: ESTAMOS FARTOS!

Fartos de que nos boten enriba estradas, autoestradas, AVEs, autovías, polígonos, recheos, canteiras, tendidos, e toda infraestrutura que lles pete sen nos ter en conta. Fartos dunha clase política que lonxe de defender os seus veciños, defende intereses de partido. Fartos que por riba dos grandes soldos que reparten entre eles, a nós nos incrementen case un 5% os impostos nos tempos que corren. Fartos de que, en grandes despachos de Santiago e Madrid, ordenen actuacións sobre o noso territorio sen lles importar a xente que aquí vive; que non se ocupen de mellorar servizos; que só se ocupen de trazar grandes liñas por riba dun mapa sen pensar na xente que alí vive. Fartos de que eles vivan tranquilos na súa zona residencial, sen que lles pase unha autovía ao carón da súa casa, nin teñan que deixar tirada a súa vivenda para comezar unha nova vida noutro lado.

Eles escoitarán o ruído do AVE cando vaian de viaxe paga por nós; non soportarán o tráfico dun polígono porque no seu Audi con chófer, vidros blindados e neveiras dun millón, non se escoita o ruído exterior; non lles importarán os recheos agás os que se

produzan nas praias nas que veranean ou lles afecte as mariscadas das súas recepcións; as canteiras teñen que existir para sacar a pedra para os seus baños, porque son moi galegos e usan material “enjebre”; precisan unha autovía ampliada, porque estan fartos de ter que ir mais a modo “cuando van a Vijo” e, se fai falla, pois autovía por aquí, outra por alá… qué máis dá? Quen se vai opoñer ao progreso?

Progreso? Que carallo será o progreso para esta xente? O progreso é ter un lugar onde vivir en paz, onde ter servizos, onde ter por veciños persoas, non fábricas, nin taludes, nin canteiras, nin recheos, nin autovías. Progreso á pouco a pouco ir mellorando o medio ambiente, o medio social e cultural onde vivimos.

Progreso si, pero sostible. Progreso é deixarlles aos nosos fillos un lugar onde vivir tranquilos, deixarlles un futuro para eles e para os seus fillos. Ou acaso o progreso é igual a autodestrución? A este ritmo, Redondela convertirase nunha vila onde ninguén

quererá vivir, onde pouco a pouco iremos marchando para outros lados, unha vila que irá deteriorandose paseniñamente. Moi preto temos exemplos de pobos onde ninguén compraría un piso ou unha casa, onde é imposible vivir, onde o terreo perde o seu valor.

É iso o que queremos para Redondela?

Estamos fartos de que mentres a clase política, os que nos deberían representar estén ocupados só en recibir a nómina ao final de mes, cos seus soldos de máis de 70.000€ ao ano, non se ocupen para nada dos problemas da xente. Fartos de que eles non

soporten as afeccións, de que non lles preocupe para nada o que poida pasar nesta vila. Eles, que deberían ser a nosa voz diante deste tipo de desfeitas seguen coma cordeiros as directrices dos seus partidos, o que digan os de arriba, sendo a voz dos seus amos: “non sexa que para a próxima me deixen de lado”, “se me porto ben hai premio: mándanme á deputación, a unha secretaría xeral…”. Altos cargos para todos, e despois de dous anos, soldo para toda a vida. En catro anos asegúranse moitas pensións e eses favores hai que pagalos.

En Redondela, non se fai nada, é unha vila inmóvil, os dirigentes políticos viven nun estado catatónico, illados da realidade, non teñen capacidade para nada, son nulos, incapaces, incompetentes, inoperantes, e todos os in que queirades: e por iso

ESTAMOS FARTOS. Que nos escoiten ben: F-A–R-T-O-S!!!

Dirixentes políticos, ídevos para casa, non esnaquicedes mais Redondela, deixadenos vivir. Non facedes nada, fóra, ídevos!

¡¡¡Basta XA!!!

Comparte esta noticia...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin
Print this page
Print
Email this to someone
email