CGT de Galicia
http://www.cgtgalicia.org/2008/01/cando-naufragara-o-capital/
Export date: Fri Dec 4 19:54:43 2020 / +0000 GMT

Cando naufragará o capital




“... trátase de accidentes que pasan”

Antonio Argibay, Patrón maior de Ribeira, 15 de Xaneiro de 2008

“... moitas veces as previsións meteorolóxicas son erradas e non se pode confiar nelas á hora de deixar amarrada a flota.”

J. Antonio Pérez, vicepresidente da Asociación de Arrastreiros de Ribeira, 15/01/08, declaracións a RNE

Da igual que o temporal fora previsto polo Instituto Nacional de Meteoroloxía e Mariña Mercante e que o resto da flota estivera amarrada...

Hai xa un ano, o STMM – CGT MAR denunciaba un incremento da explotación laboral na Pesca, esixindo da Administración do Estado que puxera en marcha todos os seus sistemas de inspección, tanto dende a área da seguridade marítima como a través das Inspeccións de Traballo, co fin de evitar que as interminables xornadas laborais, a escasa capacitación dos tripulantes e o estado de navegabilidade dos buques causaran un agravamento dos sinistros marítimos no sector, coas conseguintes perdas de vidas humanas.

Esta denuncia viña a raíz do incremento da contratación no sector de traballadores extracomunitarios, concretamente indonesios, con escasa ou nula formación e salarios de miseria. Denunciábase o deterioro continuo das condicións sociolaborais dos mariñeiros, a absoluta desregularización laboral do sector, a penosidade e perigosidade do traballo no mar, as altas taxas de accidentabilidade e mortalidade, a falta de interese real de armadores por mellorar e humanizar este durísimo traballo, o desleixo das Administracións ao respecto, asumindo as esixencias dos armadores de diminuír os xa baixos estándares laborais e profesionais, para manter os seus altos beneficios. Apuntando tamén que aos tripulantes extracomunitarios, nin sequera se lles ían aplicar as xa lamentables condicións dos traballadores “nacionais”. Ao contrario, que se utilizaría para reducir salarios e dereitos dos profesionais da pesca.

Velaquí un extracto da “oferta” da compañía mercantil Shipping Oriental Services LDA de mariñeiros de orixe indonesia para ser embarcados en buques españois, previo ofrecemento de contratación ante a Subdelegación do Goberno, que facía chegar dita empresa aos armadores do estado español:

“Todos los tripulantes son con experiencia unos más y otros menos, se adaptan al trabajo y las costumbres muy rápidamente, no protestan ni son conflictivos, si en algo fallan nosotros somos responsables. Condiciones económicas, están desde 650€ mínimo a 800€ máximo, depende de la negociación con el armador.”

Ante o contido desta oferta de traballo a Confederación Xeral do Traballo decidiu interpoñer unha denuncia ante a Inspección por discriminación laboral e menoscabo do dereito á integridade e dignidade dos traballadores, denuncia que se resolveu cun acta de infracción contra Shipping Oriental Services LDA por irregularidades na contratación.

As ansias de amasado de beneficios de empresas carroñeiras e armadores sen escrúpulos concretáronse nunha nova traxedia, neste caso na vila mariñeira de Ribeira, mañá en Vigo, ou en Corme, ou en Burela, con tripulación autóctona ou de onde sexa. Da igual que cada día menos mariñeiros queiran arriscar a súa vida nun traballo ruín e mal pago, hainos a miles que morren de fame en lugares remotos como Indonesia e os poderes públicos, as “forzas vivas” aplaudirán este novo xeito de “integración” co amparo das súas flamantes leis. Ou morres de fame ou pasa a integrarte no océano Atlántico, ti elixes (es “libre”).

Mentres, esta mañá o presidente da Xunta, anunciou hoxe que o goberno galego baralla a posibilidade de implantar un seguro de mal tempo. Estaría subscrito polos propios barcos, sería de carácter voluntario(¿?) e garantiríalles un 65% dos ingresos os días que non poidan saír a faenar debido ao mal tempo. Que é isto? Unha burla? Que se deixen de baralles e que vaian morrendo eles.

O circo mediático-político non fixo nada máis que comezar, que non nos afoguen o xuizo as bágoas dos índices de audiencia e os réditos electorais.

Ata cando parecerá normal e ficará impune que con temporais coma este poda enviarse alegremente un buque a faenar arriscando as vidas de toda a súa tripulación?

Atacando aturaremos.

Serxio Crespo Gómez

Máis información en http://www.fetyc.cgt.es/-Mar-
1
Links:
  1. http://www.fetyc.cgt.es/-Mar-
Post date: 2008-01-18 10:13:58
Post date GMT: 2008-01-18 09:13:58

Post modified date: 2008-01-18 10:13:58
Post modified date GMT: 2008-01-18 09:13:58

Export date: Fri Dec 4 19:54:43 2020 / +0000 GMT
This page was exported from CGT de Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com