Xa sabiamos que o poder corrompe, que a política é un instrumento dos menos para impoñerse ós máis, que os poderosos utilizan o Estado para mante-los seu privilexios, que a democracia burguesa é un sistema inxusto que, coa coartada do voto, cambia o mínimo para que todo siga igual… Todo iso xa o sabiamos. Os libertarios nunca confiamos en que o sistema vixente fose realmente outra cousa que unha gran pantomima na que catro (os mesmos de sempre, as mesmas familias de sempre, con pelaxe azul ou vermello) impóñense á maioría e fan e desfán ó seu gusto. Había algúns que coidaban que a entrada do PSOE e do BNG no goberno da Xunta de Galicia ía supoñer un cambio real na vida dos galegos e nas prácticas imperantes nos anos do PP. A estas horas, eses xa tamén terán unha opinión do que supuxo a entrada desta nova camada de raposos nas goridas do poder. Como traballador da administración pública galega, son un dos miles de testemuñas da nova, eso din, política do goberno cara modernizar e moraliza-la función pública galega. A saber, os seus feitos, polos que os podemos coñecer son istos:

  1. A creación de novos chiringuitos arredados de calquera normativa administrativa de control: a nova tragsa galega, a nova empresa de salvamento marítimo, as galescolas…
  2. A libre designación de centos de postos de traballo, continuando a política dos anteriores, que tanto denunciaron.
  3. A aprobación dunha normativa que lle concede grandes prebendas e privilexios ós ex-presidentes, preparando xa a xubilación dourada do propio Touriño se nas próximas eleccións non lle vai ven.
  4. A aprobación dunha modificación da Lei da función pública galega, pola que se conceden os cartos do nivel 30 (o máximo na carreira administrativa, ó que se chega despois de ascender de dous en dous cada dous anos) a tódolos funcionarios que foran altos cargos desde 1981. É de sinalar que neste tema acadouse un consenso case nunca visto, xa que votaron a favor o PP, o PSOE e o BNG.

Este último punto é especialmente sangrante para calquera traballador da administración pública: os mesmos que, ano tras ano, nos negan ata que o noso soldo poida subi-lo mesmo que o IPC teñen a desvergoña de incrementarse a eles mesmos un complemento que ten, por si só, o importe do que cobra anualmente un subalterno. Touriño, ademais, argumentou que só así se pode fichar a xente de calidade para os altos cargos, porque senón ninguén quere selo; claro que con estas reflexións non deu a lista de vacantes postos de altos cargos en espera de xente que as cubra. Algún alto cargo, como Encarna Otero, directora xeral de Calidade da Vivenda, fixo un chamamento á insubmisión económica e dixo que lle daría vergoña volver ó seu posto de profesora cobrando máis que os seus compañeiros de traballo. Coñecendo a catadura ética dos implicados, dubidamos que a súa iniciativa sexa seguida por moitos; en todo caso, é de agradecer recoñecer que haxa alguén coa suficiente dignidade como para manter esta posición; esperamos que a coherencia chegue ata o final e que non quede en verborrea para a galería. Ante estas declaracións, o conselleiro da presidencia, Méndez Romeu, pediu a dimisión porque os altos cargos teñen que acata-las disposicións do goberno e Ricardo Varela, o conselleiro de Traballo lle recordou que desobedece-las leis é delicto. A estes persoeiros cómpre recordarlles que é obriga de calquera persoa dignidade enfrontarse ás leis inxustas e que, en calquera caso, é delicto o que estea tipificado como tal e non entendemos como pode selo renunciar a cobrar un soldo que non se gaña honradamente. Estiven buscando unha verba que definise a actitude do goberno galego neste tema, un cualificativo para os políticos que aprobaron esta norma. Só atopei a palabra ladrón, que é aquel que se apropia do que non é del. Non sei se a definición é a correcta ou non, pero o que sei e que é difícil atopar outra.

José del Río, traballador da Xunta de Galicia afiliado á CGT da Coruña.

Comparte esta noticia...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin
Print this page
Print
Email this to someone
email