CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/1o-de-maio-na-coruna-cronica/
Export date: Sun Oct 6 8:12:34 2024 / +0000 GMT

1º de Maio na Coruña: crónica


Baixo o lema CONTRA O XENOCIDIO DO POBO PALESTINO, A MILITARIZACIÓN E A GUERRA, arredor de 1.000 persoas participaron na manifestación do Primeiro de Maio, convocada na Coruña polos sindicatos CGT, CNT, CUT e Sindicato da Elevación, que saíu ás 12:30 da praza de Pontevedra. Durante o percorrido coreáronse berros reivindicativos alusivos á data e á convocatoria. A manifestación rematou pasadas as 13:00 no Campo da Leña, onde se leu o seguinte manifesto:

Compañeiras e compañeiros:

A pesar das mensaxes triunfalistas do goberno actual, a situación da clase traballadora non deixa de empeorar.

A reforma laboral, aprobada na anterior lexislatura, apenas recuperaba algúns dos dereitos arrebatados nas impostas reformas laborais anteriores, nunha manobra que, pola contra, consolidou a maioría dos dereitos subtraídos, entre os que se atopaba o abaratamento do despedimento, tanto en días como mantendo a eliminación dos salarios de tramitación. Para proba do devandito só fai falta constatar quen aplaudiu a reforma: sindicatos do réxime, patronal, a banca, organismos internacionais liberais e outros miserables da mesma catadura.

As cifras oficiais poden falar dunha maior ocupación ou do descenso da temporalidade, pero o certo é que a precariedade foi en aumento, os despedimentos prodúcense igual e o poder adquisitivo caeu en picado para a maioría da poboación.

A pesar do incremento do Salario Mínimo Interprofesional, a realidade que vemos todos os días é que son cada vez máis as familias con serias dificultades para chegar a fin de mes ou as persoas que tendo un traballo non alcanzan a cubrir o custo dos alugueiros, nun contexto onde todas comprobamos de que modo escalaron os prezos do máis básico, da comida ou dos combustibles.

Nin as revalorizacións das pensións co IPC, nin os aumentos pactados nos convenios (quen os teñen) paliaron a perda de rendas por parte da clase traballadora.

Nun escenario onde as crises se suceden cada vez máis rápido e golpean con maior dureza, agudízase a transferencia de riqueza dos máis pobres cara aos máis ricos. A clase social capitalista non para de incrementar os seus ingresos e o seu patrimonio. Multiplican obscenamente os seus beneficios mentres o resto da poboación se empobrece.

No día de hoxe, conmemoración do crime acontecido en 1886 en Chicago, temos que lembrarnos con solidariedade daqueles e daquelas loitadoras que están a sufrir represión e persecución por enfrontarse a este réxime inxusto. En Ferrol, Cádiz, Xixón ou Granada, recordamos que “o goberno máis progresista da historia”, a pesar das súas promesas, mantén en vigor a Lei Mordaza, que cualifica como delitos opinións contrarias ao réxime e permite a impunidade dos corpos represivos, en sintonía coa deriva autoritaria dos gobernos a nivel mundial.

E é que se miramos ao redor, a cousa non vai moito mellor. O capitalismo sen pudor algún, alenta guerras no noso esgotado mundo co único propósito de espremernos ao máximo, aínda que provoque a morte de milleiros de persoas. É imprescindible denunciar o xenocidio do pobo palestino polo Estado asasino de Israel, apoiado por poderes aos que a humanidade lles é allea. Esiximos ao goberno español que se deixe de floreos verbais e que active medidas efectivas contra o Estado sionista, entre elas, que deixe de venderlle armas.

Non esquecemos a invasión rusa de Ucraína hai máis de dous anos nunha guerra que aínda destrúe vidas, ao tempo que as potencias occidentais difunden entre a poboación a necesidade de rearmamento, espallando o medo para poder así incrementar o gasto bélico e a militarización das fronteiras sen oposición, e mesmo deixando caer a necesidade do servizo militar obrigatorio, nun fomento do militarismo intolerable.

O modelo capitalista lévanos a perpetuar un reparto inxusto da riqueza, convertendo aos ricos en cada vez máis ricos, en detrimento da maioría da poboación, dos seus dereitos e mesmo á conta da saúde do planeta.

Fronte á depredación salvaxe deses poucos só cabe unirnos para facerlles fronte. A nosa organización como clase é a única alternativa certa ante o desastre previsto. Está nas nosas mans construír un mundo novo, sen explotados nin explotadores, sen guerras nin pobreza, respectando o noso medio natural, preservando o futuro das xeracións que nos seguen.

Altruísmo fronte a egoísmo, solidariedade e xenerosidade fronte a ambición desmedida, vida contra a morte, apoio mutuo en contraposición á estúpida competencia entre iguais. É hora de poñernos en marcha, de dicir basta. É hora de loitar.

VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!

CONTRA O XENOCIDIO DO POBO PALESTINO, O MILITARISMO E A GUERRA!

VIVA O PRIMEIRO DE MAIO!

Comité Local da Coruña da CGT

Post date: 2024-05-01 12:37:30
Post date GMT: 2024-05-01 12:37:30

Post modified date: 2024-05-01 12:42:21
Post modified date GMT: 2024-05-01 12:42:21

Export date: Sun Oct 6 8:12:34 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com